Friday 17 de May de 2024

O Concello de Padrón busca a mellor empanada de lamprea no Concurso das VI Xornadas Gastronómicas


 

O prazo de inscrición para participar neste concurso rematará o día 11 de marzo

No marco das VI Xornadas gastronómicas da lamprea de Padrón, o Concello de Padrón organiza o Concurso de Empanadas de lamprea o venres 20 de marzo. Esta cita gastronómica terá lugar o venres 20 de marzo ás 20:00 horas no Auditorio Municipal de Padrón. O obxectivo desta convocatoria é poñer en valor un dos produtos máis típicos da gastronomía padronesa, cuxa empanada en timbal ten unha gran tradición na vila.

No concurso cada participante terá que elaborar unha empanada de lamprea, e será o Concello o que proporcione lamprea a cada un dos cociñeiros. A concelleira de Turismo, Lorena Couso, destacou que “este tipo de actividades poñen en valor as nosas tradicións, e dinamizan a nosa vila, pola que dende o departamento de Turismo consideramos prioritarias estas accións”.

O xurado que valorará as elaboracións dos participantes estará composto por Jose Antonio Rivera, cociñeiro do restaurante Chef Rivera de Padrón, Ángel Rodríguez, cociñeiro do restaurante O Santiaguiño de Padrón, Óscar Vidal, cociñeiro de Restaurante o Asador O Pazo, e Miguel Piñeiro, escritor e xornalista especializado. O premio á mellor empanada de lamprea estará dotado con 300 euros, o segundo premio estará valorado en 200 euros, e co terceiro premio entregaranse 100 euros. En total repartiranse 600 euros en premios. E tras a entrega dos galardóns, o público asistente terá oportunidade de degustar as empanadas elaboradas no concurso.

O prazo de inscrición está aberto ata o mércores 11 de marzo, e para inscribirse hai que chamar ao teléfono 646 593 319 ou enviar un email ao correo electrónico turismo@padron.gal.